A Casa de Galicia celebrou os seus primeiros catro anos xunto a socios, autoridades e a arte galega
O pasado domingo 12 de abril, A Casa de Galicia Centro Histórico-Cultural celebrou catro anos de historia cun emotivo xantar que reuniu a socios, amigos e destacadas autoridades na nosa sede.

Entre os presentes, o Embaixador de España en Uruguai, a Conselleira de Traballo, a Delegada da Xunta de Galicia e representantes das principais asociacións galegas do Uruguay, que acompañaron este momento de encontro e celebración.

A xornada foi tamén unha oportunidade para poñer en valor o máis prezado da nosa institución: o talento e a dedicación de quen mantén viva a cultura galega en Montevideo.
O corpo de baile Obradoiro abriu a parte artística coa súa elegancia e precisión habituais, levando ao escenario o mellor da danza tradicional galega. A Escola de Gaitas e Percusión Celestino Pichel, fiel á súa tradición, emocionou a propios e estraños cunha actuación que reafirma o seu lugar como referencia da música galega en Uruguai. O peche estivo a cargo de Cántigas Da Lúa, o noso grupo de pandeireteiras, que unha vez máis conquistou a todos os presentes coa súa arte e a súa ledicia.
Catro anos non son poucos cando se constrúe sobre o amor a unha terra e a memoria de quen nos precedeu. Grazas a cada socio, amigo e colaborador que fai posible que A Casa de Galicia siga a súa andaina.



















