Na reunión, na que se aprobaron os seus estatutos e foi elixido presidente Ismael Martínez, estiveron presentes o embaixador de España, a cónsul xeral, representantes do CRE e directivos de entidades galegas, entre outros.
Un grupo de socios da desaparecida Casa de Galicia en Montevideo fundaron o pasado 5 de abril a asociación civil Centro Histórico Cultural A Casa de Galicia coa que pretenden recuperar o patrimonio cultural da mutua galega que agora está en mans do liquidador xudicial.
Presidiron a asemblea que se reuniu pasadas as seis da tarde na cúpula do hospital Sayago os traballadores e socios da mutua, xa xubilados, José Antelo e Ismael Martínez, e a notaria, tamén socia, María del Carmen Fernández Salgueiro.
Diante deles estiveron varios membros da Casa de Galicia e outros representantes da comunidade: os conselleiros do Consello de Residentes de España (CRE), Jorge Torres Cantalapiedra e Miguel Pérez Borba; os principais dirixentes do Partido Popular do Uruguai, Constantino Mato, e do PSOE, Vicenta González, e outros directivos de diversos centros da comunidade galega de Montevideo.