O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, durante o acto de toma de posesión da nova delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, que este nomeamento renova o compromiso de Galicia coa atención á diáspora, co fomento da nosa cultura e co impulso ás relacións económicas.
“Galicia e O Uruguai temos moitas oportunidades”, enfatizou Rueda, quen por iso salientou a importancia de que a nosa Comunidade estivera representada de xeito permanente. “O camiño é modernizar as relacións entre dúas terras que teñen tanto que ver”, apuntou.
A este respecto, aseverou que Galicia segue disposta a apostar polo Uruguai para espallar alí todo o noso potencial empresarial e ten as portas abertas para que as e os uruguaios que así o desexen fagan a súa vida na Comunidade. Así, o titular do Executivo galego garantiu por parte da Xunta a “atención” das e dos que queren seguir a continuar vivindo no país de acollida, como de todas e todos aqueles galegos e galegas emigrados a América que “queiran retornar”. Unha atención e “coidado” que tamén estendeu á xente moza, da que salientou que está volvendo á nosa terra para formarse a través de másteres, grazas á incentivación da Administración autonómica.